Cartas e debuxos feitos polos nenos e nenas da Guarda serviron hoxe para xuntar dúas xeracións que tiñan ganas de falar, escoitarse e pasar un intre xuntas. Así foi a iniciativa solidaria “Mar de mensaxes”, impulsada pola Organización de Palangreiros da Guarda (Orpagu), que reuniu alumnado de 4º de Primaria con persoas maiores da Residencia Monte Tecla nun encontro próximo e sincero.
Participaron nesta acción escolares dos centros CEIP Solanas, CEIP A Sangriña, CEIP Manuel Rodríguez Sinde, PP Padre Somascos e San José – Irmás Carmelitas da Caridade, que prepararon cartas e debuxos dirixidos ás persoas maiores e que puideron entregalos en persoa, compartindo conversacións e momentos de complicidade.
As persoas maiores que participaron no encontro teñen todas elas vinculación co mundo do mar, unha circunstancia que deu aínda máis sentido á iniciativa promovida por Orpagu e que se fixo visible nas conversas compartidas cos nenos e nenas.
Durante o encontro, os escolares quixeron tamén agradecer o traballo das persoas profesionais da residencia, un recoñecemento espontáneo ao coidado e á atención que reciben os maiores no seu día a día.
As persoas residentes aproveitaron a ocasión para falar cos escolares e contarlles como é a súa vida na residencia, trasladando unha mensaxe clara: están ben atendidos, acompañados e a gusto, afastando a idea de que vivir nun centro residencial signifique soidade. Unha reflexión compartida tamén polo equipo profesional do centro, que subliñou a importancia de romper estereotipos arredor do envellecemento.
A iniciativa “Mar de mensaxes” nace co obxectivo de fomentar a empatía, o respecto e a solidariedade entre xeracións, a través de pequenos xestos que deixan pegada. O encontro rematou cunha fotografía conxunta e cun ambiente de proximidade que quedou tanto nos nenos e nenas como nas persoas maiores.





