NOTICIAS

Arranca o plan de formación impulsado por Orpagu e o Concello da Guarda

 

Na xornada deste mércores día 30 de marzo de 2022 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Formación, Fátima Rodríguez, deron a benvida na sede de Orpagu xunto coa súa xerente, Juana Parada e profesorado, ao primeiro grupo de alumnos e alumnas que participarán na formación dun plan que refrenda o compromiso da Organización de Palangreros Guardeses coa súa localidade, promovendo a formación específica necesaria para xerar emprego estable e de calidade.

Antonio Lomba, alcalde da Guarda, valora moi positivamente esta iniciativa de Orpagu, que ofrecerá oportunidades a quen poida acceder á formación, facendo especial fincapé en que é unha excelente oportunidade de inserción laboral para veciños da localidade.

Fátima Rodríguez, concelleira de Formación, animou aos asistentes e participantes nesta formación, para que aproveiten esta oportunidade de enriquecer coñecementos e formarse de cara a unha futura incorporación ao mercado laboral.

Juana Parada, xerente de Orpagu, agradeceu a colaboración amosada dende o comezo desta iniciativa por parte do concello da Guarda, para que esta formación sexa hoxe unha realidade.

Os participantes nestes cursos de formación gratuítos entrarán a formar parte dunha bolsa de traballo, da que se nutrirá a organización para os empregos que xere a súa planta de Tui.

Fieis ao compromiso social adquirido coa súa localidade, a Organización de Palangreros Guardeses impulsou sete cursos dentro dun plan de formación específico aberto a todas e todos os guardeses para o que conta coa colaboración económica do Concello da Guarda. Precisamente, o Concello da Guarda empregará a Líña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para financiar este proxecto coa cantidade de 6.000 euros, “para que a poboación guardesa teña unha opción real de acceso ao emprego”, sinalan dende a Alcaldía.

Unha aportación que dende a organización de palangreros valoran de forma significativa ao tempo que destacan a inestimable colaboración do Concello con esta iniciativa. Unha cooperación que, en palabras do presidente da organización, Joaquín Cadilla, “foi exemplar dende o primeiro día”.

Os cursos de “Almacenaxe en frío”, “Manipulador de alimentos e APPCC”, “Carretilleiro”, “Prevención de riscos en cámaras frigoríficas”, “Seguridade Alimentaria e alérxenos”, “Limpeza e Desinfección” e “Boas prácticas de manipulación” desenrolaranse entre as 9:00 e as 14:00 horas e terán lugar, en diferentes datas, entre o 30 de marzo e o 20 de xuño. Todos os cursos serán impartidos na sede da Organización de Palangreros de A Guarda (Manuel Álvarez, 16 baixo), a excepción do curso de carretilleiro, que impartirase en formato on-line a parte teórica e nas instalacións de Herrajes Martínez, a parte práctica.

As persoas que conclúan con éxito os cursos formarán parte da bolsa de traballo da que Orpagu nutrirase para conformar a plantilla da planta frigorífica que está construíndo en Tui. A planta estará plenamente operativa en 2022 e creará ao redor de 30 postos de traballo. Os inscritos nos cursos de formación que queden fora dos postos ofertados por Orpagu gozarán desa formación gratuíta, que lles permitirá acceder a empregos noutras empresas do sector, cuxa demanda de traballadores ten aumentado nos últimos anos.

Aínda que este plan formativo estivo aberto para todas as persoas interesadas, nos criterios de selección priorizouse que fosen naturais da Guarda, cumprindo desta forma cun dos preceptos da FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) que apoia os proxectos que creen emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral.

A nova planta, infraestrutura necesaria para seguir crecendo

Cunha inversión de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D está emprazada no parque empresarial de Areas, cunha estratéxica situación polo seu acceso directo á A55 e á Vía Tui-A Guarda. A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de pescado e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible.

Este proxecto da Organización de Palangreros Guardeses ten coincidido no tempo con seu 25 aniversario e dado o seu custe e obxectivos conta con financiación europea e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.